Monday 20 de May de 2024

Neda licita o servizo municipal de limpeza viaria cun investimento máximo de 50.000 euros anuais


O Concello de Neda vén de sacar a contratación por dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas dun ano, o mantemento da limpeza viaria municipal. A empresa adxudicataria terá que ocuparase de que as rúas da vila presenten unha imaxe coidada, para o que deberán contar permanentemente, cun mínimo de dous traballadores/as. O importe máximo será de 50.325 euros ao ano.

Segundo recollen os pregos do contrato, os traballos contemplados inclúen tanto a eliminación de vexetación (malas herbas, maleza, follas caídas…) como a retirada dos desperdicios que se atopen nas rúas obxecto de mantemento, tendo que garantir ademais a súa reciclaxe. Subliña ademais cuestión como a necesidade de intervir sempre naquelas rúas nas que se realicen traballos de mantemento e tamén nas vías nas que se desenvolveran actos culturais, deportivos ou doutro tipo.

A firma adxudicataria, que terá que ocuparse tamén do baleirado da totalidade das papeleiras existentes, así como da reposición das súas bolsas, deberá aportar os equipos de maquinaria idóneos para levar a cabo os distintos traballos previstos.
A zona de actuación, ademais do casco antigo e das principais rúas do núcleo urbano, abranguerá a avenida de Xubia, a AC 115 ata a altura da autopista, as rúas Victorino Novo e Camiño Vello, a contorna de Albarón e a rúa Xerardo Luaces.

As empresas que queiran optar ao contrato cun valor estimado de 201.300 euros (IVE engadido) poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de maio. Os pregos están dispoñibles no perfil do contratante municipal.

Deja un comentario